Imos camiño das tres semanas encerrados, xa sexa na casa ou dentro de nós mesmos (en función das circunstancias que teña cada un e de se tivo que saír a traballar os primeiros días ou non), pero en calquera caso, case o único tema presente é o deste bicho peleón.
Eu, sopoño que como moitos de vós, e, especialmente, a primeira semana, estaba atenta ós telexornais, ás publicacións das redes sociais, buscaba información científica sobre o tema e intentaba manterme alerta, pero, enseguida decidín que, para min, non era a mellor opción, porque tanto colapso e tanto esforzo por tratar de discernir qué datos eran ou non reais, requería demasiado tempo e non podía gastalo no que agora é importante, coidarme!
Coidarse, ese gran termo do que facemos uso e abuso os que por vocación nos adicamos a esta profesión…
Coidarse debería ser doado, pero, de xeito habitual, e polo frenético ritmo de vida, imos esquecendo algo tan sinxelo. En cambio, agora que temos marxe para iso, tratamos de estar todo o día facendo mil e unha cousas que ocupen as horas, e a veces, vendo ó comezo e ó final do día, as redes sociais, penso, en verdade a xente está coidándose? de verdade precisan de tanta actividade continuada? de verdade é iso o que botaban en falta no seu día a día, anterior ó 14 de marzo?
Hai tantas formas de pasar o confinamento, e tantas necesidades diversas, como número de persoas somos no planeta, pero eu confésovos que teño sentimentos encontrados entre a persoa e a profesional que hai en min.
Como profesional síntome case na obriga de darvos pautas, consellos, dinámicas, e xeitos de pasar un pouco mellor estes días, pero non sei ata que punto iso é posible, pois, nin eu sei máis ca ti por ter a licenciatura en psicoloxía, nin esta situación foi vivida nin experimentada nunca por ninguén…e aínda por riba, a isto dos consellos teóricos e prácticos, está sumándose unha porcentaxe tan ampla de persoeiros con diversas profesións, que penso que ata podo saturar en vez de colaborar, se eu tamén me sumo.
E o anterior vai estreitamente vinculado coa miña sensación como persoa; como persoa síntome como anestesiada (sacando a primeira semana, que sentía entre rabia e tristura), como esperando, como dando voltas entre as ideas de facer e sacar proveito máximo disto a nivel de formación, estudos, traballos, …e as ganas de pasar o día entre sofá e cama, escoitando música, lendo algunha novela psicolóxica e de suspense (un dos meus grandes praceres) ou sen máis, xogando algunha partida de scrabble online.
Cal é a mellor opción? Que debo facer eu? Que debedes facer cada un? É imposible determinalo,…e, certamente, cada un sabe en que e como encaixa mellor, e seguramente sexa por momentos, variable, e un día apeteza algo e ó seguinte outra cousa,…e porque non permitir que sexa así? Se tod@s somos sensacións e emocións, e o feito de que estes días, sexan congruentes todo o tempo, ou haxa fluctuacións, non é máis que indicativo de que estamos vivos, estamos dubitativos, estamos cautelosos, e tamén, en certa medida, temerosos do que vaia vir,… de feito, como di unha persoa moi achegada a min, non hai forma boa ou mala de pasalo, só hai formas de pasalo.
Eu só che podo dicir que te deixes levar, que permitas a fluencia total de emocións e sentimentos, porque son adaptativos,…
Se cres que esa liberación e permeabilidade non che está deixando ser feliz nin un pouquiño ó día, contáctame! eu sigo aquí, pendente dos que me precisan, e encantada de prestarche a miña axuda, pero ante todo…
Sede vós, e sede bos!