EMPATÍA…

Fai dous días estaba lendo un libro, algo que me gusta de xeito especial facer acompañada de música suave de fondo, e atopeime coas seguintes liñas:

“Y no se lo puedes decir a cualquiera porque las personas tienen una idea inamovible de las cosas que no han experimentado: un embarazo, tener dinero, no tener dinero, ser negro, ser chino, tener compasión. Si no han pasado por donde tú has pasado, nada de lo que digas cambiará lo que creen que piensan…”

Non puiden pasalas por alto, é algo sobre o que, como persoa e como profesional, reflexiono moito e a miúdo, pero é que encima chegaban a min nesta época de confinamento da humanidade.

Atopeime ó longo do encerro con diferentes artigos, publicacións, textos ou comentarios de diversas persoas que viñan a concluir que esto vai marcar un antes e un despois na xente e que a mentalidade vai cambiar, e que vai facernos mellores, etc…pois ben, sinto fastidiarvos a alegría, pero realmente penso que iso é unha dedución errónea; quizá posible si, pero pouco probable.

Estaredes pensando algúns dos lectores que son pouco positiva, en cambio eu considero que escribo dende a obxectividade e a realidade.

Os humanos, en termos xerais, somos egoístas, pouco solidarios, e creo persoalmente que moi moi pouco empáticos.

Empatía, que gran termo para a psicoloxía e que falta noto de atopala na rúa cada día.

Antes de que nos tivéramos que confinar, pensaba o mesmo que escribo aquí e agora, pero despois desta época parece que o teño máis transparente aínda. Tiven a oportunidade de falar con moita xente: amizades, coñecid@s, traballadores de ramas diversas, compañeir@s de hobbies, descoñecid@s, pacientes, familiares, …algunhas desas persoas coas que, na distancia, puiden compartir charlas e coas que quizá noutra época non pararía a parlotear tanto, fixéronme relembrar, por moi diferentes razóns, que, como di o párrafo que vos transcribo ó comezar, as persoas teñen unhas ideas preconcebidas que obteñen do seu camiño, e non saben, nin a veces intentándoo, situarse do lado do outro, e observar cos seus ollos para poder entender sentimentos.

Sentimentos, outro gran termo da psicoloxía, pero que pouco sabemos aínda deles…ou que pouco ou moito caso lles facemos!

Eu non sei se é porque dende sempre tiven claro a que me quería adicar, se é porque me encanta o meu traballo, se é polas miñas vivencias persoais ou porque nacín así, pero creo que teño demasiada empatía; si, pénsoo sinceramente; pode que soe pretencioso, pero eu a miúdo cavilo, e por eso o comparto, en que é un defecto e non unha vantaxe, porque me fai preocuparme a veces en exceso pola xente e eso implica, tamén a veces, sufrimento. Pero en verdade, no fondo estou contenta de ser así, de poder ler na xente o que queren transmitir realmente, porque podo axudarlles mellor, e iso facilítame o traballo diario; a xestión posterior xa é cuestión de aprendizaxe progresivo para rescatarme!

O caso é que, volvendo a redirixir o foco de atención, coido que se precisaba que a empatía se poidese aprender, pero aínda partidaria e defensora da psicoeducación, cada vez vexo máis complexo que sexa algo que se poda ensinar, que se poda compartir, porque, para a maioría da xente, ser empático é dicir unha palabra positiva e de ánimo, porque para a maioría da xente coa linguaxe verbal xa abonda para que o interlocutor se quede tranquilo e e o emisor se vaia agusto co aporte de axuda que deu, e non queridos lectores, a empatía vai moito máis alá; a  empatía é escoitar, é non dicir nada, é non precisar pasar pola situación que che están contando para poder ver a vida dende os seus pes, é poder camiñar da man, é ser solidario (con todo o que implica a palabra e non so quedándose na superficie da donación económica algunha vez ó ano), é non xuzgar, é non dar a túa opinión, é escoitar con cabeza, pero sobretodo con corazón,…a empatía, en definitiva, é non ser egoístas,é poñer ó que che fala por diante de ti nese instante para sentir con él…

Entón, como vai a humanidade ser empática? se dende o día -2 en masa se facían colas no super para agotar o papel hixiénico.

Entón, como vai a humanidade ser empática? se sae a aplaudir ás 20:00 horas pero ó momento quere botar ó veciño do edificio porque segue traballando en zona de risco.

Entón, como vai a humanidade ser empática? se prefire seguir mantendo o soldo aínda sen traballar, antes que ofrecer colaboración ó do lado que se ve obrigado a pasar penurias e o máximo que se escoita é un sinxelo “pobre”, dende unha posición acomodada, e continuas queixas en liña como se pelexase por algo.

Entón, como vai a humanidade ser empática? se ante algo que non se podía planificar, hai continuas queixas dende tódolos ámbitos ós mandatari@s?; 

Entón, como vai a humanidade ser empática? se…e un longo etc de exemplos que se viron a cotío nestas semanas.

Algúns estaredes pensando que tamén houbo moitísimos mostras de apoio, de axuda, de colaboración, …e si, é certo, eu pese a todo, quero confiar na humanidade e evadirme so das partes que amosan aquelo máis escuro, pero realmente sabedes que penso? pois si, que moitas das mostras que se viron non son saídas do corazón, porque cando es empático e entendes a posición do outro non precisas expoñelo en ningures; sinxelamente che sae, non esperas agradecemento, nin reparas neso; ocorre sen máis, sen explicación, sen motivación.

Entón, como vou crer na empatía da humanidade? Se ante unha situación que vivimos tod@s por vez primeira no mundo enteiro, non vexo accións reais; se por unha vez non se trata de entender ó outro, porque todos compartimos o mesmo mal; se existiu a oportunidade e non pasou;…entón, como vou confiar en que no futuro a humanidade cambie e comece a selo ante situacións que nunca viviron?

Sopoño que ten moito que ver con algo que lin nas redes, non sei quen é o autor, que dicía: non estamos todos no mesmo barco; estamos todos no mesmo mar; uns van en iate, outros en barca e outros nadando.

Todo pasa, e todo voltará a calmarse, e todo voltará a continuar, do mesmo xeito,…o tempo nos dirá e falaremos, pero a EMPATÍA, seguirá convivindo con quen xa a empregaba porque a tiña…e a maioría da humanidade non vexo claro que poda adquirila; non, tampouco a partir de agora, porque, “…El lenguaje es una línea de metro sin paradas y la experiencia una linternita minúscula que sólo te alumbra a ti mismo.”

Quizá é cuestión de tempos de reloxo, quizá é cuestión de posicións, quizá é cuestión de presa, quizá é cuestión de necesidade, quizá…

Eu creo que só é cuestión de corazón.

Se antes de que o teu se pare, podes dicir que sentiche o mesmo que alguén sen estar na situación, noraboa! e senón, inténtao polo menos, pode que nos axude, pode que incluso che axude.

Se te sintes reflexad@ en parte do texto, e sintes que che falta comprensión, non dubides en contactar comigo, farei o que poda para que o camiño xuntos pese menos porque ese pesar será compartido:)

Citas de Jorge de Cascante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *